NOTICIA

Melchor Rodó, outrora voz dos Satélites, convidado na Liga dos Cantantes Extraordinarios

Melchor Rodó, outrora voz dos Satélites, convidado na Liga dos Cantantes Extraordinarios

A Liga dos Cantantes Extraordinarios entra nunha fase decisiva na que cada punto é ouro. Só restan tres programas do curso regular antes de que se disputen as semifinais e final, para a que clasificarán os catro mellores clasificados. Desta volta, o convidado no programa é unha das lendas da verbena galega: Melchor Rodó, voz de grandes orquestras coma Os Satélites.

O programa comezará cunha selección dos mellores temas interpretados por esta formación, no que tamén participará Noly. Unha das actuais voces dos Satélites e concursante da primeira temporada da Liga dos Cantantes Extraordinarios. Alén desta introdución, Rodó interpretará en solitario un dos seus temas insignia: La salvaora, emblema da canción española, o seu xénero predilecto.

Será o broche para unha noite intensa que vivirá outro combate por un oco nos sofás do concurso. Entre David Seara (Finisterre) e Yennia (La Fórmula), quen se medirán con Tu enemigo, de Pablo López. O gañador formará parte dunha aliñación inédita, con cambios importantes respecto á de semanas anteriores. Dela forman parte Boris Pico (Orquestra Fania Blanco Show), Danni Lamas (Kubo), Rita Barreiro (Charleston), Kris Somad (Capitol), Diego Barbazán (Fania Blanco Show), Fran Castellanos (Saudade) e Nakary Palumbi (Olympus).

Defenderán as súas candidaturas con temas tan variados coma o Gangnam Style, Miña terra galega ou De qué manera te olvido. Un repertorio para avós, pais, casadeiros ou netos, as catro bancadas que deciden o devir deste concurso extraordinario de talentos.

Directo en redes sociais

Tras a emisión do espazo televisivo César Romero (Cinema) e Rubén Pérez (Valexo) conversarán con varios dos participantes do programa sobre a gala da noite nun directo que poderá seguirse a través da conta de Facebook da Liga dos Cantantes Extraordinarios.