Charanga FESTICULTORES TROUPE
Historia
Unha banda con 15 anos de historia e máis de 800 actuacións por varios países coma Portugal, Francia, Serbia, Polonia ou España, e cunha habilidade irrebatible: a de cultivar a festa máis vigorosa alá onde vai a base de música, humor, baile e desinhibición cerebral.

O 2020 será o ano do seu 15º aniversario.

Para este gran acontecemento mundial estanse a preparar física e mentalmente, coma nunca antes o realizaran. Levando o seu corpo, mente, e fígado a límites nunca antes explorados por un ser humano.

Durmindo en camas hipobáricas, depuracións de fígado e riles, tratamentos detox, exfoliacións e tratamento capilar son algúns dos adestramentos extremos para poder afrontar un ano cheo de celebracións.

Os Festicultores Troupe foron elixidos e abducidos polos Alieníxenas, no Festíbulo de Conxo, ós que entregaron os planos e a tecnoloxía necesaria para fabricar un vehículo de festa masiva para inundar o mundo dun espírito festeiro continuo.

Co seu FestiBarreiros, percorrerán o universo, e sementarán de ledicia, ilusión e esperanza as almas errantes de viño de Barrantes e as de auga mineral con gas.

O comezo de década tamén será a época onde editarán novos hits nos que haberá colaboracións, de artistas amigxs cos que compartiron moitas vivencias polo mundo adiante.

Compartiron varias veces escenario con artistas coma Manu Chao Radio Bemba Sound System onde foron convidados a participar no evento Baionarena no ano 2008.

Con Emir Kusturica & the no Smoking Orchestra onde ademais de telonear en varias ocasións, foron contratados para o Festival Kusstendorf en Serbia organizado polo mítico director de cine. Fanfare Ciocarlia, Gogol Bordello, Dubioza Kolektive, Muchachito e Macaco foron outros grupos cos que tiveron a oportunidade de compartir festa.

Todo comeza cando unha noite de lúa chea Emilio Oro sofre unha transformación xenética e cerebral que o levou a converterse na Kabra Macabra. Logo de meses de andaina co seu carriño de música itinerante e moita vida social decide recrutar tropa para revolucionar o mundo dos pasarrúas en Galicia. A primeira formación do grupo quedou así integrada por Yuri Brinkas (cantante), Xiñor Tonichi (guitarra), Martín el Labio (trompeta), Alex Díaz (saxo), Gustavo Agasi (caixa), Xurxo Troncoso (bombo), Manuel Lousas (violín) e Emilio Oro (teclado), aos que logo se une Miguel Rumbao (baixo).

A formación estréase no Corpus de Ourense nunha noite regada con viño, na que se ven na obriga de repetir o repertorio tres veces. Comeza así a tocar nunha morea de festas e festivais e artella o seu primeiro show: 'Rumaníacos', a cerimonia do cultivo da sagrada semente da festicultura que fai abrollar o espírito festeiro polo mundo adiante. Logo veu o espectáculo 'As Kabras Chouteiras', que mestura sketch, música e humor.

Con 'E.G.F.A. (Exército Gherrilleiro das Festas Armadas)' co que gañaron o Premio do Público no Festival Internacional Haizetara de bandas de rúa en Amorebieta.

Do ano 2011 ao 2014 presentaron nova formación e novo espectáculo: 'Os Sadomusiquistas' un espectáculo dolorosamente pracenteiro onde practicaban 'o Sadomusiquismo' (a forma de obtención do pracer a través de facer o ridículo en público). Gustavo Agasi "O Pellizcos", Anxelo de Xermar "Torturillas", Xiñor Tonichi "O Tortas", Nico "O Cachetitos", Iago "Mordisquitos", Carlos Alberto "O Traidor" e Emilio Oro "O Mamado Líder", foron os coelliños de indias para este experimento sadocultural.

Do 2015 o 2019 presentan o 'Festicidio Colectivo' unha festa apoteótica, épica e frenética, extravertida e moi divertida, onde a interacción co público é fundamental para vivir uns momentos inesquecibles.
Orquestas de Galicia © 2012-2020 | Aviso legal | Prensa | ¿Quieres una cuenta administrador? Regístrate
Utilizamos cookies para mejorar su experiencia y nuestros servicios, analizando la navegación en nuestro sitio web. Si continua navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información pulsando aquí.