Noticia
Oito aspirantes pelexarán na Liga dos Cantantes Extraordinarios pola última praza para a gran final
02/09/2021 19:35 - ORQUESTAS DE GALICIA
No grande espectáculo desta noite (22.30 h), Paco Lodeiro, César Romero e o xurado do programa homenaxearán a película musical ‘O Gran Showman’

Un gran show é o que lles agarda esta noite aos espectadores de ‘A Liga dos Cantantes Extraordinarios’ e darán boa conta del o mestre de cerimonias, Paco Lodeiro, e o xurado, que, xunto a César Romero, homenaxearán cunha marabillosa intro a película musical ‘O Gran Showman’. E é que a Liga non merece menos.

A estas alturas, xa se coñecen algúns dos nomes que estarán na gran final do programa da Televisión de Galicia, pero aínda queda unha única praza libre para quen gañe este noite na semifinal da Liga.

Ángel Hasegawa, Iria Quintáns, José Ángel Albán, Ángel Sevilla, Ana Paz e Diego Barbazán, xunto a Laura Añón e Rita Barreiro, que liderarán cada un dos tronos por seren as dúas concursantes que chegaron máis veces a finalistas durante o programa, pelexarán no escenario de ‘A Liga dos Cantantes Extraordinarios’ para proclamarse vencedores da noite e conseguir chegar á prezada final.