Noticia
Preto da semifinal, 'A liga dos cantantes extraordinarios' presenta un novo aspirante, Óliver Ínsua
26/08/2021 18:55 - ORQUESTAS DE GALICIA
Cada xoves, ‘A liga dos cantantes extraordinarios’ (22.30 h) está máis preto de coñecer o noso ‘cantante extraordinario’, aquela voz da verbena galega capaz de convencer o público de todas as idades. Nesta novena entrega, a un paso da semifinal, aínda quedan aspirantes que presentar nesta gala. Óliver Ínsua da orquestra Costa Dorada, intentará facerse un oco na semifinal entre o resto dos participantes do programa. Dani Lamas, Peque, Alexandra Carrera, Alejandra Pais e Ángel Hasegawa, poñerán moi difícil o liderado a Alba Navarro e Antonio Barros.

O presentador Paco Lodeiro cederá hoxe, por fin, ás reiteradas peticións de Pepe Capelán e este consegue cantar no programa. Paco transixirá con tal de que Pepe non cumpra coas ameazas "suxeridas" no programa anterior, polo ben do público, claro. E coma en cada edición, o xurado do concurso estará formado pola cantante Pili Pampín, líder dos avós; Lito Garrido, director da orquestra Panorama e voz dos pais nesta Liga; a cantante Lucía Pérez, voceira dos casadeiros, e o dueto cómico e musical Mon e Ula, do grupo Monouliuos DOP.