A Xunta lanza unha nova liña de axudas de 2M€ para a reactivación do sector das orquestras galegas

Noticia
ORQUESTAS DE GALICIA 24/09/2020 21:40
  • O Consello da Xunta autorizou este investimento para un sector que conta en Galicia con 250 empresas e dá emprego directo e indirecto a máis de 5.000 persoas
  • Os beneficiarios promocionarán o Xacobeo 2021 nas súas xiras e concertos dentro e fóra de Galicia e contarán cunha serie de concertos polos distintos concellos

O Consello da Xunta vén de autorizar un investimento de 2 millóns de euros a dous anos para apoiar a actividade das orquestras galegas, a través dunha liña de axudas para colaborar con estas empresas nos gastos dos eventos que desenvolvan en Galicia ou fóra da nosa Comunidade e que nas súas xiras e materiais promovan o Xacobeo 2021 tanto neste último trimestre como no 2021, para que se consolide como un evento estratéxico na reactivación económica e emocional de Galicia.

As axudas outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva, valorando, entre outras cuestións, o número de actuacións realizadas en Galicia e fóra dela o ano pasado por contratos ou o número de compoñentes do elenco artístico e non artístico da orquestra. Sufragaranse gastos como o aluguer de equipos, locais, carpas ou similares, gastos directos dos artistas como salarios, viaxes ou dietas así como calquera outro gasto relativo no evento e serán para actividades que se celebren entre o 1 de outubro de 2020 e o 31 de outubro de 2021.

A liña de axudas enmárcase no actual contexto de crise sanitaria ocasionada pola covid-19 que incidiu de xeito directo nas industrias culturais en Galicia, especialmente nas orquestras que viron reducidas e canceladas as súas actuacións neste 2020. Esta inxección económica incidirá directamente nun sector do que forman parte máis de 250 empresas en Galicia e que dá traballo directo e indirecto a máis de 5.000 persoas.

Promoción ao Xacobeo 2021

Para minimizar o impacto e favorecer a súa recuperación e reactivación e na liña do que se vén facendo noutros sectores empresariais, o Goberno galego considera importante apoiar aos profesionais das orquestras tendo en conta o seu papel e servirá como estratexia de promoción tanto cultural como turística de Galicia. Esta medida dá continuidade ao traballo levado a cabo nos últimos meses por parte da Xunta de xeito transversal para impulsar ás empresas vinculadas co turismo e a cultura en Galicia. De feito, está en marcha o Plan de Reactivación desde finais do mes de abril e do que están en execución o 75% das medidas.