Mario Álvarez, cantante da Panorama, será o convidado de honra esta noite na TVG
30/07/2020 21:25 - ORQUESTAS DE GALICIA

A quinta xornada de A Liga dos Cantantes Extraordinarios chega esta noite cargada de sorpresas á TVG e nela non faltarán, como é habitual, a música, o talento e o humor.
Mario Álvarez, cantante da orquestra Panorama e artista recoñecido a nivel nacional, será o convidado de honra. Xunto con Lito Garrido, compañeiro de formación, o presentador Paco Lodeiro e o colaborador César Romero, abrirá a edición cun remix de Tom Jones e, en solitario, interpretará Mi tierra de Nino Bravo.
Ás catro finalistas da gala anterior, Irene Iglesias (Panorama), Alba Navarro (Satélites), Kris Somad (Capitol) e Ana Paz (Cinema), súmanse esta semana Yennia (La Fórmula), Nakary Palumbi (Olympus) e Danni Lamas (Kubo). O oitavo concursante decidirase no reto de entrada disputado por Diego Barbazán (Fania Blanco Show) e Monia Borges (Marbella) co tema Deja Vu, de Shakira e Prince Royce.
En A Liga dos Cantantes Extraordinarios haberá esta noite salsas, rancheiras, baladas e ata fusión de música sueco-galega. Quen será o concursante que se atreverá a tocar Wake me up de Avicii coa gaita?
Directo en Facebook
Ao remate da emisión televisiva na páxina de Facebook do programa realizarase un directo no que César Romero e Rubén Pérez (Valexo) conversarán con varios participantes da Liga dos Cantantes Extraordinarios facendo un balance da xornada e compartindo experiencias e anécdotas dun xeito distendido.

ÚLTIMAS NOTICIAS